O conxunto coruñés parte como favorito ante o último clasificado do grupo.

A G2 da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal volven apostar polo mellor hóckey sobre patíns europeo. Este xoves, a partir das 20:30 h, emitirase en directo desde o Palacio dos Deportes de Riazor o encontro da cuarta xornada da Champions que enfrontará ao Liceo da Coruña co Bassano italiano.

O equipo herculino chega á cita na terceira posición do grupo, con catro puntos, mentres que o conxunto de Vicenza continúa sen puntuar e ocupa a última praza tras as tres primeiras xornadas.

O Liceo pechou a primeira volta da liga española cun triunfo en Alcoi que lle permitiu rematar terceiro. Agora, o cadro dirixido por Juan Copa centra os seus esforzos na competición continental, coa intención de asegurar os puntos da casa e situarse entre os catro primeiros para acceder á Final a Oito do mes de maio. Será o terceiro partido europeo ante a súa afección, tras vencer o Oliveirense (3-2) e empatar co Sporting de Lisboa (2-2). Fóra da casa, o equipo caeu na pista do Barcelos.

Unha semana cargada de deporte na TVG

O Liceo–Bassano dará inicio a unha intensa fin de semana deportiva na Televisión de Galicia. O sábado, os espectadores poderán seguir ata catro partidos en directo. O prato forte chegará desde o Estadio Gran Canaria, onde o Deportivo da Coruña visita a UD Las Palmas no encontro destacado da xornada en Segunda División. A primeira canle ofrecerá unha programación especial desde as 18:00 h con Óscar Benito, o adestrador Tito Ramallo e a exfutbolista Miriam Ríos.

Pola súa banda, a G2 emitirá ás 16:15 h o derbi da Primeira RFEF entre o Arenteiro e o CD Lugo desde O Espiñedo. A partir das 19:00 h, a segunda canle ofrecerá o derbi de baloncesto da Primeira Federación entre o Ourense e o Obradoiro desde o pavillón Paco Paz.

A Segunda RFEF, en exclusiva en AGalega.gal

A plataforma AGalega.gal continúa coa emisión en exclusiva da Segunda RFEF.

  • O sábado ás 16:00 h, o campo Arsenio Iglesias acollerá o derbi entre o Fabril Deportivo e o Coruxo.
  • O domingo ás 17:00 h, en formato multifútbol, compartirán protagonismo os encontros UD Ourense–Salamanca e Bergantiños–Ávila.
En este artículo

Iniciar conversación

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.