O grupo de emisoras de Radio Galega remata 2021 acadando un novo rexistro histórico de audiencia: 256.000 oíntes de luns a venres, segundo os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios coñecida este xoves, o que reforza a RG como primeira emisora pública de Galicia.

A Radio Galega é a emisora de radio que máis sobe en audiencia en España, ata alcanzar os 184.000 oíntes de luns a venres. Radio Galega Música acada os 70.000 oíntes de luns a venres e Son Galicia Radio, emisora dixital integramente de música en galego, acada 2.000 oíntes no conxunto da semana.

O conxunto de programas da canle pública, tanto de entretemento como de informativos e deportes, medraron nesta última onda do EXM. Tanto o magacine matinal ‘Galicia por Diante’ como ‘A Tarde’ acadan resultados ao alza neste final de ano, e o espazo ‘Pensando en ti’ segue a ser o líder indiscutible das madrugadas galegas. Tanto nas fins de semana como durante a semana soben os programas deportivos da Radio Galega, liderados, unha onda máis, polo buque insignia dos deportes, o ‘Galicia en Goles’. No eido da cultura, e na mesma liña de crecemento, o ‘Diario Cultural’ de luns a venres incrementou de novo a súa audiencia e supera xa os 53.000 oíntes.

A Radio Galega amplía o seu servizo

A estes datos de audiencia hai que sumar o despregamento de radiogalegapodcast.gal, o novo servizo dixital da emisora pública, con ducias de espazos, entre os que xa hai programas nativos dixitais. Os medios públicos completan así a súa oferta e posiciónanse nos ámbitos de consumo dos novos oíntes.

En este artículo

Iniciar conversación

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.