A primeira onda de 2022 do Estudo Xeral de Medios, coñecida este martes, dispara o crecemento de audiencia da Televisión de Galicia, que acada unha cota do 24,4% no período de luns a venres, duplicando a cota do seguinte competidor, Antena 3 (11,8%). Respecto da onda anterior, a canle pública galega incrementa a súa cota de pantalla en oito puntos e convértese tamén na canle que máis medra. Son os mellores datos de audiencia desde 2005 para a TVG, que logra tamén o liderado entre as canles autonómicas ao superar os seguintes competidores en 4,4 puntos (TPA, 19%) e 4,7 (TV3, 18,7%).

Os informativos da Galega, líderes

O EXM salienta nesta onda unha vez máis a fortaleza dos informativos da TVG, moi especialmente na sobremesa entre as 13:00 e as 17:00 h, co bloque informativo do ‘Galicia Noticias’, o ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Quen anda aí’ cun marcado liderado, ao mediar unha cota do 35%, 20 puntos por riba do seguinte competidor. A Galega é líder tamén nas franxas do entretemento, tanto da tarde, desde as 17:00 h, cun 17%, como no prime time, despois das 20:00 h, cun 21,2%. Por días da semana, nesta onda do EXM cómpre salientar as audiencias dos xoves, cunha cota do 28,6%, os luns, cunha cota do 25%, e os martes cun 24,6%.

147.000 oíntes para a Radio Galega

A Radio Galega segue a ser a primeira emisora pública de Galicia. A primeira onda do Estudo Xeral de Medios confirma tamén o liderado da Radio Galega en diferentes franxas, como a madrugada, os informativos de fin de semana e a información deportiva. Neste primeiro cuadrimestre do ano, o grupo de emisoras da Radio Galega acada 147.000 oíntes de luns a domingo, segundo o EXM. Son de salientar as cifras de éxito para as fórmulas musicais da Radio Galega, que chegan cada día a 30.000 persoas.

A RG é a emisora líder na madrugada galega, de luns a domingo co ‘Pensando en Ti’ de Marcial Mouzo, con 45.000 oíntes; e dos deportes da fin de semana, co espazo ‘Galicia en goles’, que reúne 57.000 oíntes os sábados e 71.000 os domingos. Liderado tamén para o informativo ‘Galicia por diante fin de semana’, con 27.000 oíntes, e para ‘Ferrado e medio’, espazo dedicado á actualidade do agro nas mañás dos domingos.

Máis servizo público e máis canles para chegar á audiencia

A estes datos de audiencia hai que sumar a aposta da RG por achegarse ao público. A emisora estreou en marzo o seu novo novo estudio multimedia, co que os medios públicos fortalecen a converxencia definitiva entre radio, televisión e Internet. Deste xeito, a Radio Galega é xa multiplataforma, con emisión en imaxe para radiogalega.gal, YouTube da TVG e Facebook Live nun estudio especialmente deseñado para isto.

Ademais, neste 2022 está a consolidarse o proxecto podcast radiogalegapodcast.gal, nacido a finais de 2021 e que segue sumando contidos, con novos podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’, que estrea segunda tempada, foron uníndose outros 35 podcasts como, entre outros, ‘A fin do mundo’, ‘Como que non?’, ‘Estudio 3. Desclasificados’, ‘Moito ollo’ e ‘Hey, ho, let’s go!’. A plataforma está tamén dispoñible en Spotify e en iTunes, e coa que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia.

Chegar a todos os públicos nas canles onde se atopan é o obxectivo da CRTVG, para o cal se achega ás canles máis novas, complementando a comunicación e diálogo cos públicos da Corporación nas redes sociais e portais web.

En este artículo

Iniciar conversación

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.