A Televisión de Galicia é a canle máis vista en Galicia segundo a primeira onda do Estudo Xeral de Medios deste 2026, coñecida este mércores. A TVG consolida o seu liderado absoluto no ámbito audiovisual galego e comeza o ano, como vén sendo xa habitual, como líder en Galicia e como a canle autonómica máis vista de España. Este liderado reflíctese en todos os días da semana e en todas as faixas.

A Galega acada un 20,1 % de cota de luns a domingo, superando en 8,4 puntos o seguinte competidor, Antena 3 (11,7%) e La 1, con 11,3 %.

Por faixas, a TVG lidera de forma moi destacada en todas:

-Na faixa da mañá (8:00 a 13:30) acada un 28,4 % fronte ao 11,1 % do seguinte competidor, La 1.
-Na sobremesa (13:30 a 17:00) acada un 30,2 % fronte ao 17,3 % que acada A3 en segundo lugar. Nesta faixa, que abrangue os informativos Galicia noticias e Telexornal mediodía, a TVG acada picos de audiencia por riba do 40% (41,2%).
-Na tarde (17:00-20:00) acada un 13,9% fronte ao 10,9% do segundo, neste caso T5.
-No prime time, a TVG segue liderando cun 16,2% fronte ao 12,1% de La 1.

A Televisión de Galicia non só reforza o liderado, senón que segue a medrar. A Galega creceu un 15,5 % con respecto á última onda do EXM de decembro do 25. Xunto con Tele5 é a única canle que medra en Galicia. Entre as xeneralistas, a que máis perde é TVE, que cae un 16,9 %, situándose nos 11,3 puntos de share.

A Radio Galega, a emisora pública máis escoitada de Galicia

A Radio Galega é a emisora pública máis escoitada en Galicia, con 93.000 oíntes de luns a venres e 89.000 no conxunto da semana, mentres que Radio Galega Música acadou 32.000 oíntes de luns a venres e 38.000 de luns a domingo. O conxunto das emisoras de radio da Corporación acada nesta primeira onda do EXM 127.000 oíntes no conxunto da semana e 125.000 de luns a venres.

2,6 millóns de seguidores, récord dos medios dixitais

Estes datos da primeira onda do EXM confirman a tendencia que avalan os datos das canles dixitais da Corporación neste primeiro trimestre de 2026. As redes sociais da Galega creceron preto dun 200 % (191 %) no primeiro trimestre de 2026 respecto ao mesmo período do ano anterior, avance que se traduce nun incremento sostido da comunidade dixital, con 2,6 millóns de seguidores (+31 %).

Só as contas dos contidos da Televisión de Galicia (Facebook, Instagram, YouTube e TikTok) recadaron 226 millóns de impresións, un 197 % máis que no primeiro trimestre de 2025, con 182 millóns de reproducións (+228,4 %) e 6,12 millóns de interaccións (+227 %). Na Radio Galega, o crecemento aínda é maior, con cifras de récord que afianzan a estratexia de comunicación dixital dos seus informativos, magazines e programas de entretemento: 9,18 millóns de reproducións e preto de medio millón de interaccións nos primeiros tres meses deste ano.

En informativos salientan os datos do portal G24.gal, que creceu ata os 604.000 usuarios (+47 %), nas sesións (+52 %) e nas páxinas vistas (+88 %), reforzando o seu papel como referente informativo e de contidos en lingua galega no ecosistema dixital. No referente ás tres plataformas, AGalega, AGalegaaudio e Xabarin.gal, superaron os 600.000 usuarios (+47 %), os 1,7 millóns de sesión (+52) e os 4,3 millóns de páxinas vistas (+88 %).

Diferencial con KANTAR MEDIA e historial de penalizacións

A TVG foi, de forma sostida nos últimos anos, a canle máis vista en Galicia e tamén entre as autonómicas segundo o EXM. Estes datos veñen referendados cos da evolución record da presenza dixital da Corporación.

Na comparativa desde 2024 entre os datos do EXM e os ofrecidos por Kantar Media, a TVG é a canle de España, pública ou privada, na que se rexistra a maior diferenza entre os dous medidores en detrimento da medición da propia TVG, segundo Kantar Media.

O histórico dos anos 2024 e 2025 reflicte que a TVG viuse obrigada a sancionar a Kantar Media en 20 dos 24 meses deste período debido a incumprimentos nos parámetros básicos de medición, relativos á merma mostral e á eficiencia do panel. 11 meses en 2024 e 9 meses en 2025. Foi a primeira vez na historia que a Corporación debeu aplicar esta clase de sancións.

Durante o ano 2024, no que a audiencia pasou do 11 % ao 8,6 %, o mes no que se aplicou a máxima penalización foi marzo. Nese mes producíronse desviacións respecto da merma mostral en trinta dos trinta e un días, e rexistrouse perda de eficiencia mostral todos os días do mes. A TVG comezou marzo cun 10 % de cota de pantalla e rematou cun 8,5 %, cunha caída de 1,5 puntos.

No ano 2025, no que houbo penalizacións en 9 dos 12 meses, a TVG rematou o ano, segundo Kantar Media, cun 8,4% de audiencia, como a cuarta autonómica de España.

A maior oscilación mensual produciuse en outubro, cando, segundo os datos de Kantar, a TVG pasou do 9,3 % de setembro ao 7,7 % de cota, é dicir, 1,6 puntos. Nese mes, a combinación de merma mostral e perda de eficiencia do panel afectou ao 25 % dos días.

En este artículo

Iniciar conversación

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.