O grupo de emisoras da Radio Galega acada o mellor rexistro da historia con 284.000 oíntes de luns a venres, segundo os datos da primeira onda do Estudo Xeral de Medios de 2021, publicada este martes. No conxunto da semana, a audiencia total é de 256.000 persoas, o que supón un incremento do 11 % con respecto á terceira onda de 2020.

A Radio Galega consolídase por riba da barreira do 200.000 oíntes, con 209.000 oíntes de luns a venres, cun incremento sobre o acumulado do 2020 do 4 %.

A aceptación da nova estrutura e programación da Radio Galega Música reflíctese nun incremento de audiencia dun 87 % respecto á última onda, ata acadar os 73.000 oíntes de luns a venres. En comparación con 2020, o crecemento de RGM é de máis dun 114 %.

Oferta consolidada dos espazos informativos

O ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, con Xosé Valiñas e Kiko Novoa, consolídase como referencia nas mañás de radio en Galicia con 100.000 oíntes. Un espazo que finaliza coa sección de humor ‘A bóla extra’, programa que se emite en simultáneo por Televisión de Galicia e completa a exitosa oferta da mañá da Radio Galega.

O informativo ‘A crónica’ na edición nocturna, dirixida por Xosé Luis López Vila, alcanza este abril os 39.000 oíntes, 14.000 máis que na última onda de 2020.

E na madrugada da Radio Galega, o programa ‘Pensando en ti’, de Marcial Mouzo, non ten teito e incrementa a súa audiencia ata as 72.000 persoas. Son 24.000 oíntes máis que en decembro para un programa cuxa esencia é a participación da audiencia. Nas madrugadas de sábado e domingo, con Viti González á fronte, alcanza os 28.000 oíntes. Este espazo é líder en Galicia na súa franxa de madrugada de luns a domingo.

Tamén o formato ‘A tarde’, presentado por Antón Rebollido, continúa medrando e marca un novo máximo de audiencia, con 10.000 oíntes máis que hai un ano. Consolídase así o modelo de proximidade baseado nas conexións con distintos puntos de Galicia.

Con respecto das emisoras de Galicia, a RG é líder na tarde, cos espazos ‘A tarde’ e ‘Crónica’ de 19:00 a 20:00, así como na madrugada co ‘Pensando en ti’; e nas fins de semana, os domingos coa proposta deportiva de ‘Galicia en goles’.

Aumento de audiencia nas fins de semana

Na fin de semana, o ‘Galicia por diante’ suma 43.000 oíntes o sábado, o que supón 14.000 máis que hai un ano, e mantense nos 61.000 oíntes o domingo. No apartado informativo, o espazo reflicte un forte incremento de audiencia, con 33.000 oíntes os sábados e 49.000 os domingos. O magazine, dirixido por Victoria Rodríguez, consolídase como referente da fin de semana. ‘A crónica’ tamén medra o domingo ata os 38.000 oíntes.

No apartado deportivo, o ‘Galicia en goles’, dirixido por Xoán Galán, segue a ser referente nas fins de semana cun forte crecemento de audiencia. Na xornada forte de deporte, o domingo, o programa chega a 95.000 persoas, duplicando os resultados de 2020. Na información e análise semanal, ‘Zona mixta’, de Carlos Alonso, consolídase na sobremesa de luns a venres, o mesmo que ‘Ao contraataque’, de Pedro Pablo Alonso.

O ‘Diario cultural’ segue a crear novos contidos e produtos, e o novo ‘Diario cultural zeta’, que naceu co inicio desta temporada e vai dirixido a audiencias novas, alcanza os 38.000 oíntes.

En este artículo

Iniciar conversación

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.