A Televisión de Galicia alterou este mércores a súa grella para ofrecer unha cobertura especial do accidente ferroviario rexistrado en Urda, na provincia de Toledo. A canle pública reforzou a súa programación informativa durante toda a xornada e manterá especiais informativos tanto pola tarde como pola noite.

A traxedia ferroviaria ocorrida a primeira hora da mañá obrigou á TVG a reorganizar a súa programación habitual para priorizar a información relacionada co sinistro e a evolución da situación.

Tras ampliar a duración do Bos días ata as 11:15 horas, a canle deu paso a un Especial Informativo presentado por María Cheda, que ocupou boa parte da programación matinal. O espazo só se interrompeu brevemente para a emisión dun Galicia Noticias reducido e, ao mediodía, os Servizos Informativos ofreceron tamén un Telexornal monográfico centrado no accidente e no balance provisional da traxedia.

Especiais informativos pola tarde e pola noite

A cobertura continuará durante a tarde coa emisión dun novo Especial Informativo ás 18:05 horas, unha vez remate En compañía de Loli.

Xa na noite, o Telexornal das 21:00 horas retomará a información sobre o accidente, incorporando as últimas actualizacións e os datos confirmados polas fontes oficiais ao longo da xornada.

A programación especial completarase cun novo espazo informativo previsto para despois de Land Rober, co que a TVG pechará unha xornada marcada pola atención permanente ao desenvolvemento da traxedia.

A Radio Galega tamén reforza a cobertura

Paralelamente, a Radio Galega dedica a súa programación informativa ao seguimento do accidente ferroviario e está a ofrecer de maneira continua os datos que van sendo confirmados polas autoridades e os servizos de emerxencia.

Tanto a televisión como a radio públicas galegas centran así a súa cobertura nun dos acontecementos informativos máis relevantes da xornada.

En este artículo

Iniciar conversación

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.